15.3.09

AS DUNAS



Título: As dunas (Spa free)
Compañía: CDG (?)Clasificación: Teatro adultos
Duración: 90 minsPúblico: Adulto
Autor: Manuel LourenzoDirección: Quico Cadaval
Axudante de dirección: Hugo Torres
Son: Bernardo MartínezIluminación: Baltasar PatiñoVestiario: Gilda Bonpresa, María Negreira
Produción: CDG
Asistencia de produción: Marta Lago
Meritorio de produción: Pepe Santos
Deseño do espazo escénico: Baltasar Patiño
Coreografía: Armando Martén
Maquillaxe e perruquería: Dolores Centeno e José Martínez
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Rodrigo Roel
Elenco artístico: Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Ausendre Castro Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escudero, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado.




Quizais esta sexa obra que se achega máis ao teatro convencional, se non o é completamente, que aquilo que un espectador de teatro posdramático quere buscar.
O contido desta obra, desenvólvese nun lugar da costa norte de Galicia, onde un construtor chamado Pardo decide construír un Spa chamado “As dunas”, destinado a clientes amantes de praceres prolongados, incluíndo relax, música e todo tipo de praceres para o corpo.
Para rexentar o local contrata a unha antiga amante de xuventude, Lola, a única que parece ter conta da verdadeira realidade e que consigue controlar en certo modo a todo o mundo de xeito racional. E ela quen controlará aos músicos para o espectáculo que contratou Pardo, e dos que iremos coñecendo as súas vidas ao longo da obra, así como os enredos que se arman entre eles.
O texto desta obra foi escrito por Manuel Lourenzo, un dos dramaturgos clásicos da escena “contemporánea” galega e dirixido por Quico Cadaval. Das obras últimas obras que presentamos é a que incorpora con diferenza máis personaxes, e individualizados, pois todos teñen nome e son máis o menos debuxados.




A obra conta cunha acción definida, aínda que o desenvolvemento non sexa de todo clásico, afástase totalmente das outras que case carecen dunha liña argumentativa desenvolvida.
Cómpre destacar, que no seu conxunto, o espazo está delimitado por unhas restras colgantes de pequenas luces brillantes, facendo un cadrado no medio do escenario, e que deixa ver o dobre fondo, polo que se moven as personaxes como se fose noutro espazo, moitas veces como se fose indefinido.
Nesta obra hai momentos en que se toca o absurdo, debido á ‘animalización’ das personaxes de maneira cutre e tamén ao intento de mostrar posturas obscenas ante o público (que non conseguen) debido aos xogos que fan os músicos. Estes incorporan tamén música en directo, con estilos como o jazz e o rap, o fado, a morna e mesmo o “funaná”, unha peza musical típica de Cavo Verde, e que o personaxe burelao-caboverdiano interpretará.


A posta en escena ten algúns elementos que cómpre destacar, como o uso de papel de estraza en todo o chan do escenario que fai continuamente un ruído que molesta ao andar as personaxes por riba, e que chegado o momento, na inauguración do spa, os mesmos personaxes quitan por diante e por riba deles para atrás, facendo un efecto inesperado que se entende como un cambio de escenario.
Máis alá disto, o dossier da obra comenta que “a estética da montaxe baséase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da terceira vía (unha solución ecléctica entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela ou na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa”, o que resultan demasiadas palabras para este espectáculo.

28.2.09

TEATRO NACIONAL GALEGO?

Poderiamos pensar na posibilidade de concibir o hipermoderno, algo do que falei máis arriba, nun sistema literario e artístico como o galego debido á súa condición de periferia, pero non nos encaixarían de todo as pezas. A frase que resumiría este aspecto sería a de “pensamento global, acción local”, que desvirtualizaría aquela oposición.
Deste xeito aquela oposición entre centro e periferia xeográficos convirtiríase nunha oposición entre centro e periferia de laboratorio de ideas, que a modo de exemplo, poderiamos explicar coa antiga oposición entre Milán capital europea da moda e Ourense, a periferia. Dous puntos que hoxe en día están desvirtualizados como centro e periferia, pois o que verdadeiramente importa é a verdadeira calidade fronte ao banal, pois estes puntos xeográficos poden chegar a calquera lugar do mundo no mesmo tempo e case coas mesmas posibilidades debido ás novas tecnoloxías.
Podemos resumir e resumo: o feito de crer que pode haber un paradigma teatral contemporáneo con carácter galego, italiano ou andaluz creo que é, cando menos, pouco probable, pois o artístico hoxe en día sobrepasa os límites territoriais e culturais, aínda que non se poden negar (ou non se debería) certas singularidades territoriais. Desta forma, aquilo que puidemos chamar teatro nacional posmoderno, que supuxo unha ruptura coa modernidade pero cun claro sentido nacional, atoparía agora a súa solución nun teatro hipermoderno non nacional, que pode ter (e ten) as súas claras probas en Galicia.

15.2.09

O POSDRAMÁTICO

Entre o dramático e o posdramático non existe unha liña definida onde se separan dous compartimentos estancos. En cambio, neste sentido podemos afirmar que o teatro non podería permanecer inmune ás transformacións que se están producindo nas artes en xeral.
Aínda así, e como podemos comprobar no sistema ‘dramático’ galego, hai unha capacidade no mundo para perpetuar modelos obsoletos que é sorprendente.
Para moitos teóricos a posmodernidade nunca sucedeu, pois só pensan que é un nome baleiro, outros din que a posmodernidade terminou hai tempo e outros admiten que está en plena vixencia, pero o que si é obvio que sucedeu é unha crise dos fundamentos que supoñía o paradigma da modernidade, un desencanto dos valores que se forxaron como consecuencia da ilustración. Unha crise que, na miña opinión, se manifesta con contundencia no ámbito artístico a partir da segunda metade do século XX, e quizais agora aquela transformación xa estea obsoleta.
Xa utilizamos aquí dous termos que poden chegar a ser confusos e mesmo antagónicos, como son transmodernidade e posmodernidade, ao que axuntamos outro, o de hipermodernidade, que forman un continuum.
Como se sabe a idea e a palabra de posdramático nace do paralelismo con posmoderno, pero quizais o primeiro se alongue máis que o segundo no tempo.
Por iso creo que é máis xusto dicir que isto todo é froito dun momento de transmodernidade, termo acuñado por Rosa María Rodríguez Magda, que supón rematado o posmodernismo de Lyotard, aquel que cre na imposibilidade dos grandes relatos, fronte á transmodernidade que asimila a globalización como o grande relato do mundo contemporáneo, e que no relativo ao teatro e ás artes en xeral non nos permiten falar de grandes nin pequenos relatos relacionados a unha ou outra parte do mundo.
Neste senso, e continuando coa superación do posmodernismo, non nos podemos esquecer do concepto de hipermodernidade de Lipovetsky, que continuaría a afirmación anterior e que atopo na súa idea a conclusión perfecta para este epígrafe. A hipermodernidade sería unha época na que, ao contrario da posmodernidade, non implica o fin da modernidade, senón que recupera o seu referente orixinal, a época moderna, o pensamento ilustrado, o racional e o humanista, multiplicándoo e revitalizándoo, coa famosa frase “todo é conmemorativo”.
Desta é a única maneira que entendo que as artes poidan ter calquera mínimo halo de ética no medio de toda estética posible, e é desta forma como se desenvolven moitos dos espectáculos teatrais que se resolven con plenas características éticas e incluso algunha con pleno sentido de teatro nacional (galego), o que sería imposible concbir sen este concepto, pero disto falaremos outro día.