20.6.09

WAKE UP



Título: Wake up
Compañía: Nut Teatro
Data da estrea: 06/06/2009
Duración: 100 min
Público: Adulto
Autor: Nut Teatro
Dirección: Carlos Neira
Axudante de dirección: Iria Sobrado
Son: Alain Bauman [Kònic Thtr.] e Rosa Sánchez
Iluminación: Octavio Mas
Vestiario: ?
Elenco artístico: Nerea Barros, Xiana Carracelas,
Carlos Neira, Iria Sobrado, Arantza Villar
Produción executiva: César Abella
Coprodución: Centro Dramático Galego
Asistentes dramatúrxicos: Guillermo Heras

Este espectáculo, que está divido claramente en tres partes, comeza cun texto lido por unha actriz enriba do escenario, detrás do que parece ser unha mesa de controis de son. Para despois comezar cunha proxección nun panel vertical que ocupa todo o fondo do escenario, formando así un esquema dunha fachada. As dúas personaxes en escena comezan a recortar no panel do fondo os ocos das luces como se fosen ventás, mostrándosenos anacos das mulleres que se moven no seu interior, e que se van espindo pouco a pouco.



Chegado un momento, o panel érguese quedando á vista unha estrutura de ferro de onde quitan unha cama cara ao centro do escenario, e na cal as catro actrices se deitarán xuntas e por separado nun xogo visual que se ve ampliado pola gravación cenital que se proxecta no fondo do escenario.
Segundo o dossier do espectáculo, este xogo viría a amosar a idea das “camas quentes”, “expresión que se refire ao leito subarrendado a homes e mulleres que carentes de recursos económicos apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos por un período determinado”.
Isto, segundo o mesmo dossier, proponnos pensar sobre o que pasa coa intimidade cando se rompen as estruturas convencionais de relacións, sobre o momento en que o espazo de intimidade propio é compartido por varias persoas entre outras cousas.
Aínda así, temos que dicir que este xogo na cama non nos leva a pensar inmediatamente nestas “camas quentes” e nin sequera o fai nunha segunda instancia, pois tamén nos leva a pensar nas “camas redondas” na súa vertente sexual entre outras cousas.



Por isto é, nesta vertente teatral, na que se obvia en certo sentido o significado (por estética) é tan absurdo que despois se recorra ao programa ou dossier (igual que no caso de Eco), para encher de significado a obra (por ética) e claramente defensora de valores, converténdoas, como neste caso, en obras case programáticas (algo parecido á música do romanticismo), a cal non se entendería (ou ao menos como quería o autor) no seu significado pleno.
No conxunto da obra úsanse as novas tecnoloxías como as cámaras de vídeo, as proxeccións, os sensores luminosos como parte evidente da obra de xeito actualizador.
Na terceira parte da obra, constrúese enriba dese colchón móbil unha gaiola cunha estrutura metálica onde quedan pechadas as catro actrices, xogando outra vez cos límites como os da fachada, como construtores da identidade privada e pública, para rematar cun xogo de luces e sombras saíndo e entrando desta gaiola, e o uso de fotosensores que interaccionan coa luz en escena.

No hay comentarios: