18.5.09

TESTOSTERONA







Título: Testosterona
Compañía: Chévere
Data da estrea: Venres 13 febreiro 2009
Duración: 100 min
Público: Adulto
Autor: Chévere
Dirección: Xron
Escenografía: Carlos Alonso
Son: Xurxo Pinheiro
Iluminación: Fidel Vázquez
Vestiario: Carlos Alonso
Elenco artístico / formación: Patricia de Lorenzo, Natalia Outeiro "Pajarito"


Dous actores (aparentemente homes) como se mostra na fotografía do lado comezan a obra coa presentación da maqueta do seu grupo “Os dildos”. Con batería e guitarra eléctrica tocados en directo, tocan varios temas con claro sentido machista e misóxino, chegando a afirmar que os homes redúcense ao seu pene, e a metáfora deste é o dildo, de aí o nome do seu grupo.


Ao longo da obra, descubrimos que o que parecían homes non o son realmente, e incluso máis, nin sequera sabemos se son mulleres, pois fáisenos crer que nun dos casos a actriz está tomando testosterona, que adquiriu no mercado negro para buscar “certa” masculinidade, pois non busca sequera converterse en home.
Deste xeito móstrasenos un vídeo de Youtube proxectado, no cal a mesma actriz explica que en sucesivos vídeos irá explicando e mostrando a súa transformación para “que poida servir a outros casos coma o seu”. Resulta interesante falar desta cuestión do uso dos vídeos colgados en portais tan coñecidos coma este (na obra de Cíclido Amarillo tamén se recorre a mostrar vídeos desde a mesma páxina), pois transcéndese o límite da obra en si para ampliarse e reforzarse en si mesma, pois consigue aquilo que busca, o reafirmar a súa realidade, á que tamén poderiamos chamar realismo e mesmo verosimilitude, no mundo da “verdade visual” que nos rodea. Neste caso, pódese chegar mesmo a crer que é verdade (realismo???), pero se imos consultar os vídeos vemos que hai dous iguais, que foron consultados máis de trescentas veces, quizais os espectadores da obra.




A sipnose desta obra dinos que se trata “dunha obra que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e propón a posibilidade dun xénero de código aberto, copyleft, modificable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock'n'roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. Testosterona é un exorcismo emancipador e teatral que se sirve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo, ou o vídeo, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia”.
Enriba dos múltiples armarios que fan o fondo do escenario e diante dos que montarán o cuarto da infancia dunha delas como se observa na fotografía, acabarán ao final as dúas actrices cantando a modo de musical absurdo o que lle confire a dúbida buscada entre a realidade e a ficción, e que nos leva a pensar, se é licito ficcionalizar ata o extremo a mesma realidade, o que nos levaría ao punto que moitas veces discutimos, sobre o ético da posmodernidade.Neste caso, a obra ten, desde o meu punto de vista, un claro sentido ético sobre a noción do xénero e das limitacións impostas que isto implica en certo dualismo masculino/feminino imposto pola tradición e máis polas culturas de certos lugares.

No hay comentarios: