26.4.09

CÍCLIDO AMARILLO





Título: Cíclido Amarillo
Compañía: Teatro de los Manantiales
Data da estrea: 03/04/2008 Valencia
Duración: 1 h 15 min
Público: Adulto
Autor: Ximo Flores
Dirección: Ximo Flores
Adaptación: Ximo Flores
Escenografía: Ximo Flores
Son: David Alarcón
Iluminación: Ximo Rojo
Vestiario: Teatro de los Manantiales
Elenco artístico / formación: Ximo Flores Cerdá,







Das obras que compoñen a selección descritiva que ata agora incluín, esta é a única que non pertence a unha compañía galega, pois está producida polo Teatro de los Manantiales de Valencia, dirixido por Ximo Flores Cerdá, quen é o autor e director desta mesma obra e fundado no ano 1995.
Esta obra conta con escaso texto falado e un power point, que se vai reproducindo en determinados momentos do espectáculo con palabras ou frases. Todo isto está escrito en español, o cal sería facilmente traducible, pola escasa cantidade, pero que non foi así feito.
Na sipnose deste espectáculo fálasenos de que o tema é “mirar ao noso redor, para descubrir que non podemos recoñecer nada, porque vivimos nuns momentos de moita confusión”. O que segue cun parágrafo que transcribirei enteiro debido ao seu interese: “A delgada liña que separa o público do privado, a continuada espectacularización da realidade e a acentuada sensación de impotencia fronte aos acontecementos que sacoden ao mundo para facernos mais levadía esta frustración mergúllannos nun universo baseado no hedonismo e a diversión mais patética, propia dos peores pesadelos de Goya ou de Valle Inclán. Planea na montaxe unha idea de violencia froito desa desorientación, a violencia dunha parella convértese no epicentro de todos os desastres bélicos do mundo.”
Cando se abre a sala para que accedan os espectadores que agardan á porta, os dous actores atópanse no escenario repartindo serraduras por enriba do escenario onde estaba xa debuxado un mapa do mundo tamén con serraduras e que acabará cuberto polas outras nun rectángulo perfecto (que mesmo delimitarán cunha vasoira) como podemos observar na fotografía do lado.
Esta acción, que ocupará a maior parte do tempo do espectáculo, comeza xa antes de que os espectadores entren (ou iso se nos dá a entender), e enriba deste rectángulo terá lugar a acción posterior, ata que ao final recollan coidadosamente todas as serraduras.





Como xa o apuntamos, a obra ten unha natureza non verbal, característica salientable no posdramático, desenvolvéndose a obra en xestos e movementos sen aparente significado, como danzas mecánicas entre os dous corpos dos “actores”.
Mais se isto ocorre en determinados momentos, noutros, pola contra, os actores conversan directamente co público, rompendo a barreira (precisamente) do que define ao público como tal. Conversan sobre os pais dun dos actores, sobre a súa casa, a seguridade que envolve á súa casa e outras cousas, mesturando desta maneira algo aparentemente real con algo que ocorre enriba dun escenario, que se presupón ficticio, fundíndoo nun mesmo conxunto. Aínda que non queda claro, porque á interpelación da compañeira actriz sobre se iso que conta é realidade, o actor di: “Sí, es verdad… No… Y si no lo fuese, podría serlo…”
A obra non se desenvolve baixo ningunha coherencia narrativa, isto é non ten presentación, nó e desenlace coma a obra dramática tradicional, incluso poderiamos chegar a dicir que non existe nin un feito central da obra, senón que é un cúmulo de feitos desordenados que ao final (só ao final) teñen certa unión temática.É unha obra que ten unha forte expresividade que produce que todos os espectadores queden asombrados cos pequenos feitos e os grandes movementos dos actores, con pequenas pinceladas semánticas que chegan a construír o discurso en base ao que xira a obra.

No hay comentarios: