25.4.09

CONCERTO BÍFIDO




Título: Concerto Bífido
Compañía: San&saN
Clasificación: Teatro adultos / Xestual
Data da estrea: 21/07/00
Duración: 1 hPúblico: Adulto
Autor: San & San
Dirección: San & San
Son: San&san
luminación: San&san
Vestiario: San&san
Elenco artístico / formación: Pablo Sánchez e Carlos Sante




Este espectáculo está incluído nesta relación dun xeito un tanto dubidoso, pero claramente provocador de debate, pois despois de pensar ata que punto chegaba o teatro posdramático e comparándoas con outras pezas decidín incluílo, pois a pesar de ser unha peza de clown (aínda que sobre un escenario) ten moitas das características do posdramático: fragmentariedade, non verbalidade, realidade compartida, etc.
Esta peza fálanos de SAN & SAN, que son presentadores e directores dun importantísimo concerto de música clásica que ía realizarse. Debido á non comparecencia da orquestra debido a un erro, eles mesmos terán que suplila.
Despois disto e en clave de humor xestual, farán dos seus corpos os seus instrumentos facendo deste espectáculo, aquilo que estamos acostumados a ver na rúa, pero agora enriba dun escenario, intentando facernos rir durante unha hora co seu particular e excéntrico Concerto bífido.



Debemos dicir que este espectáculo xa conta con certa antigüidade, pois foi o gañador do Festiclown 2000, o festival de clown de Galicia.
Se por unha banda parece ridículo considerar esta peza como posdramático, por outra non podemos esquecer, por exemplo, que o clown (o bufón) parte dunha serie de fragmentos interconectados autónomos (fragmentariedade), pero sen unha orde fixe e inamovible.
Cómpre dicir que a improvisación tamén xoga un papel moi importante e que neste tipo de espectáculos dáse unha verdadeira ruptura entre o público e os actores, pois aquel participa plenamente nas accións destes.
Esta é sen dúbida, das obras que aquí presentamos, a obra de menor calidade, ata agora, debido á súa pobreza argumental, ao seu desenvolvemento mediocre e á pouca atención que prestaron en conectar co público dunha maneira efectiva.
Non por iso, podemos descartar que este tipo de teatro xestual non comparta características propias do teatro posdramático, aínda que esta non sexa a mellor obra para poñer como exemplo.
Para rematar con este apartado, cumpriría facer mención ao circo contemporáneo como por exemplo O circo do sol, que baixo o meu punto e vista si é un exemplo claro de teatro posdramático, evidentemente influenciado pola tradición do circo europea. E é por isto polo que boto de menos neste blog non poder ter axuntado, por agora, ningunha obra deste tipo, aínda que se así fose non sería ningunha compañía galega, pois polo que eu sei, creo que non hai ningunha que faga este tipo de espectáculo.

No hay comentarios: