18.4.09

ECO




Título: Eco
Compañía: Iván Marcos
Data da estrea: Venres 17 de abril de 2009
Duración: ?
Público: Adulto
Autor: Iván Marcos
Dirección: Iván Marcos
Escenografía: Iván Marcos
Son: Christian Wolz
Iluminación: Alberto Santos
Vestiario: ?
Elenco artístico / formación: Iván Marcos
Coprodución: Centro Dramático Galego
Asistentes dramatúrxicos: Jesús Barranco e Celso Jiménez


Esta obra dun só personaxe, dirixida e interpretada por Iván Marcos quérenos facer partícipes da exploración de “diferentes formas de percepción sensorial mediante unha linguaxe teatral de carácter interdisciplinar”.
Téntase explicar a obra como sons e entes liberados da superficie e cunha autonomía suficiente, relacionados cos momentos en que tomamos decisións sobre o que queremos ser como seres humanos. Exploración das formas de percibir, de establecer relacións entre as cousas e entre o corpo mesmo do actor, a súa voz e experiencias.



Destacable é que nesta peza, o único actor interpela ao público varias veces facendo unha pregunta persoal que xa non recordo, incluso chega a afirmar que se está aburrindo de estar esperando pola resposta. É isto un xesto de interpelación ao público, de intento de romper a barreira entre actor e público, tan prolífico no teatro contemporáneo, que ás veces non chega a pasar. Baixo o meu punto de vista, isto é unha falacia e un convencionalismo máis ao que ninguén responde, ao menos nunca asistín a ningunha obra en que o público contestase a estas interpelacións, polo que só me queda pensar que o público da península ibérica e da itálica son moi tímidos, ou que estas interpelacións no funcionan como deberían, ou non se quere que así funcionen realmente.
Igual que na maioría das obras que tratamos (agás As Dunas e Concerto bífido) a obra traballa co vídeo. Por unha banda, proxéctanse anacos de videocreación, e fragmentos moi destacables como os do programa un, dos, tres da TVE, cando o presentaba Míriam Díaz Aroca e onde o propio Iván Marcos, cando era neno, participaba no programa, incorporando á obra partes da realidade do mesmo actor que comparte entre comentarios daquel tempo co resto do público, e por último, en relación ao vídeo, incorpórase unha gravación cenital simultánea que se proxecta no fondo do escenario, como podemos ver na fotografía de enriba, combinando así a imaxe tridimensional coa bidimensional, o que ocorre tamén coa obra Wake Up de Nut teatro levada a cabo tamén neste salón teatro do CDG.



Se a imaxe ten importancia, nesta obra tamén o ten o son, das gravacións por exemplo, que é manipulado para que produza diferentes tipos de eco (como o nome da obra).
O lugar central da escena ocúpao unha plataforma xiratoria de forma redonda, que actúa como amplificador da imaxe (proxección) e do son (eco). Este elemento, típico do teatro kabuki, é sobre a cal se desenvolve case toda a obra como se fose un escaparate desde o que mostrar. É aquí onde o actor (que no dossier teiman en chamar(se) performer, cando creo que a idea de performance vai un pouco máis alá [ou máis acá] do guión) leva a cabo unha construción e deconstrución da súa identidade, “formulando preguntas sobre o proceso de formación de identidades diferenciadoras, sobre o momento no que a un ente se lle atribúen unhas características fundamentais que o diferencian do seu contorno”.
Por último, debemos dicir que non ten argumento definido e a obra desenvólvese en pequenos fragmentos incoherentes a primeira vista, sobre os cales os espectadores poden construír o discurso de maneira máis libre, chegando a mudar o concepto do significado único, o que fai tamén desta obra unha peza posdramática.

No hay comentarios: