15.3.09

AS DUNAS



Título: As dunas (Spa free)
Compañía: CDG (?)Clasificación: Teatro adultos
Duración: 90 minsPúblico: Adulto
Autor: Manuel LourenzoDirección: Quico Cadaval
Axudante de dirección: Hugo Torres
Son: Bernardo MartínezIluminación: Baltasar PatiñoVestiario: Gilda Bonpresa, María Negreira
Produción: CDG
Asistencia de produción: Marta Lago
Meritorio de produción: Pepe Santos
Deseño do espazo escénico: Baltasar Patiño
Coreografía: Armando Martén
Maquillaxe e perruquería: Dolores Centeno e José Martínez
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Rodrigo Roel
Elenco artístico: Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Ausendre Castro Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escudero, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado.




Quizais esta sexa obra que se achega máis ao teatro convencional, se non o é completamente, que aquilo que un espectador de teatro posdramático quere buscar.
O contido desta obra, desenvólvese nun lugar da costa norte de Galicia, onde un construtor chamado Pardo decide construír un Spa chamado “As dunas”, destinado a clientes amantes de praceres prolongados, incluíndo relax, música e todo tipo de praceres para o corpo.
Para rexentar o local contrata a unha antiga amante de xuventude, Lola, a única que parece ter conta da verdadeira realidade e que consigue controlar en certo modo a todo o mundo de xeito racional. E ela quen controlará aos músicos para o espectáculo que contratou Pardo, e dos que iremos coñecendo as súas vidas ao longo da obra, así como os enredos que se arman entre eles.
O texto desta obra foi escrito por Manuel Lourenzo, un dos dramaturgos clásicos da escena “contemporánea” galega e dirixido por Quico Cadaval. Das obras últimas obras que presentamos é a que incorpora con diferenza máis personaxes, e individualizados, pois todos teñen nome e son máis o menos debuxados.




A obra conta cunha acción definida, aínda que o desenvolvemento non sexa de todo clásico, afástase totalmente das outras que case carecen dunha liña argumentativa desenvolvida.
Cómpre destacar, que no seu conxunto, o espazo está delimitado por unhas restras colgantes de pequenas luces brillantes, facendo un cadrado no medio do escenario, e que deixa ver o dobre fondo, polo que se moven as personaxes como se fose noutro espazo, moitas veces como se fose indefinido.
Nesta obra hai momentos en que se toca o absurdo, debido á ‘animalización’ das personaxes de maneira cutre e tamén ao intento de mostrar posturas obscenas ante o público (que non conseguen) debido aos xogos que fan os músicos. Estes incorporan tamén música en directo, con estilos como o jazz e o rap, o fado, a morna e mesmo o “funaná”, unha peza musical típica de Cavo Verde, e que o personaxe burelao-caboverdiano interpretará.


A posta en escena ten algúns elementos que cómpre destacar, como o uso de papel de estraza en todo o chan do escenario que fai continuamente un ruído que molesta ao andar as personaxes por riba, e que chegado o momento, na inauguración do spa, os mesmos personaxes quitan por diante e por riba deles para atrás, facendo un efecto inesperado que se entende como un cambio de escenario.
Máis alá disto, o dossier da obra comenta que “a estética da montaxe baséase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da terceira vía (unha solución ecléctica entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela ou na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa”, o que resultan demasiadas palabras para este espectáculo.

No hay comentarios: