15.2.09

O POSDRAMÁTICO

Entre o dramático e o posdramático non existe unha liña definida onde se separan dous compartimentos estancos. En cambio, neste sentido podemos afirmar que o teatro non podería permanecer inmune ás transformacións que se están producindo nas artes en xeral.
Aínda así, e como podemos comprobar no sistema ‘dramático’ galego, hai unha capacidade no mundo para perpetuar modelos obsoletos que é sorprendente.
Para moitos teóricos a posmodernidade nunca sucedeu, pois só pensan que é un nome baleiro, outros din que a posmodernidade terminou hai tempo e outros admiten que está en plena vixencia, pero o que si é obvio que sucedeu é unha crise dos fundamentos que supoñía o paradigma da modernidade, un desencanto dos valores que se forxaron como consecuencia da ilustración. Unha crise que, na miña opinión, se manifesta con contundencia no ámbito artístico a partir da segunda metade do século XX, e quizais agora aquela transformación xa estea obsoleta.
Xa utilizamos aquí dous termos que poden chegar a ser confusos e mesmo antagónicos, como son transmodernidade e posmodernidade, ao que axuntamos outro, o de hipermodernidade, que forman un continuum.
Como se sabe a idea e a palabra de posdramático nace do paralelismo con posmoderno, pero quizais o primeiro se alongue máis que o segundo no tempo.
Por iso creo que é máis xusto dicir que isto todo é froito dun momento de transmodernidade, termo acuñado por Rosa María Rodríguez Magda, que supón rematado o posmodernismo de Lyotard, aquel que cre na imposibilidade dos grandes relatos, fronte á transmodernidade que asimila a globalización como o grande relato do mundo contemporáneo, e que no relativo ao teatro e ás artes en xeral non nos permiten falar de grandes nin pequenos relatos relacionados a unha ou outra parte do mundo.
Neste senso, e continuando coa superación do posmodernismo, non nos podemos esquecer do concepto de hipermodernidade de Lipovetsky, que continuaría a afirmación anterior e que atopo na súa idea a conclusión perfecta para este epígrafe. A hipermodernidade sería unha época na que, ao contrario da posmodernidade, non implica o fin da modernidade, senón que recupera o seu referente orixinal, a época moderna, o pensamento ilustrado, o racional e o humanista, multiplicándoo e revitalizándoo, coa famosa frase “todo é conmemorativo”.
Desta é a única maneira que entendo que as artes poidan ter calquera mínimo halo de ética no medio de toda estética posible, e é desta forma como se desenvolven moitos dos espectáculos teatrais que se resolven con plenas características éticas e incluso algunha con pleno sentido de teatro nacional (galego), o que sería imposible concbir sen este concepto, pero disto falaremos outro día.

No hay comentarios: